Sunday 28 de April de 2024

O Concello de Boqueixón organizou, por cuarto ano consecutivo, un Pleno Infantil coa participación de 50 cativos e cativas


O alumnado de 5º e 6º de EP do CPIP Antonio Orza Couto presentaron as súas peticións e suxestións ao alcalde, Manuel Fernández Munín, e a concelleira de Servizos Sociais, Ana Seijo

Por cuarto ano consecutivo, o Concello de Boqueixón celebrou o seu Pleno Infantil. Unha iniciativa, virtude dun convenio asinado con Unicef e organizada polo Departamento municipal de Servizos Sociais, coa que se conmemora o Día Internacional dos Dereitos dos Nenos e Nenas.

A sesión -presidida polo alcalde, Manuel Fernández Munín, e pola concelleira de Servizos Sociais, Ana María Seijo- contou coa participación de 23 alumnas e alumnos de 6º de Educación Primaria do CPIP Antonio Orza Couto e coa asistencia dos 27 rapaces e rapazas de 5º de EP como oíntes. Os cativos e cativas ocuparon os postos dos concelleiros e concelleiras da Corporación Municipal para trataren os temas da orde do día.

Unha ducia deles e delas realizaron nas súas intervencións un repaso sobre os dereitos fundamentais dos nenos e nenas para poñer en valor o seu significado. As temáticas que se tocaron foron as seguintes: educación, saúde, protección, igualdade, xogo, identidade e familia. Todas estas cuestións lévanse traballando durante varias semanas nas aulas co gallo da efeméride anteriormente mencionada.

Quenda de preguntas e suxestións

Finalizaron as intervencións dos alumnos e alumnas de 6º de Educación Primaria coa presentación do proxecto Crederwoman. Trátase dunha de vacina creada polo alumnado para un mundo mellor e que está composta por valores como o respecto aos demais, a empatía, a igualdade, a escoita e o amor.

Co traballo desenvolvido nas aulas como base, os e as participantes realizaron máis dunha vintena propostas de mellora para o Concello de Boqueixón. Entre as cuestións plantexadas neste Pleno Infantil atopáronse detalles como a mellora das instalacións do colexio, o arranxo de marquesiñas e de camiños municipais, así como os horarios de atención no centro de saúde ou a renovación dos equipos informáticos do centro educativo.

Unhas ideas das que tomaron boa nota tanto o rexedor coma a concelleira. “As vosas opinións axúdannos a facer un municipio mellor e máis axeitado aos vosos intereses. Tentaremos dar resposta ao maior número posible das vosas peticións”, asegurou o alcalde, Manuel Fernández Munín.